“CSI Las Vegas” (Telecinco, 22.30 h.)

Programa: 
Televisión

Por, exemplo a eterna “Santa Barbara” cambiou ata en dúas ocasións ao actor que interpretaba ao patriarca do clan Capwell sen que alí pasase nada nin fose preciso inventar unha cirurxía estética ou similar, e o programa seguiu e seguiu durante anos. Non concibo que o mesmo se puidese facer en “House”, que, ao igual que “Aída”, debe o seu nome ao personaxe estelar, só que este, a diferenza da serie española, é case a serie en si mesmo, por moito secundario de nivel que haxa. A estrutura do programa resentiríase se o doutor Gregory House non ofrece media hora de sarcasmo gratuíto ata que chega a súa mirada circunspecta e afirma que “non é lupus”. “House” non sobreviviría a House. E “CSI” sobreviviría a Grissom?

Pois iso habémolo saber a partir desta noite. A serie nutriz de toda a febre televisiva polo equipos policiais de investigación científica perde ao seu personaxe máis singular. O reservado pero mordaz entomólogo Grissom, se cadra o único da trindade de series CSI que, dende Las Vegas é quen de sosterlle a mirada ao Horatio de Miami, decide retirarse para coidar dos seus escornabois. O negocio da recollida de probas máis truculentas ficará de agora en diante en mans de Laurence Fishburne, quen chegado directamente dende “Matrix”, onde interpretaba a Morfeo, toma o relevo de Grissom. Agora resta sabermos se a el tocaralle a pílula azul do éxito ou a vermella da trompada nos ratings. A viaxe de “CSI Las Vegas” cambia de condutor ás dez e media da noite en Telecinco.