“El Hormiguero: Amenábar e Weisz” (Cuatro, 21.30 h.)

Programa: 
Televisión

Moito se fala das mozas Almodóvar, mais hai nos filmes de Amenábar gran protagonismo para as actrices. Non só en “Tesis”, senón que é Nicole Kidman quen enferma dos miolos en “Los Otros” e, desta volta, Rachel Weisz quen defende a sabedoría da Biblioteca de Alexandría dunha turba de indocumentados en “Ágora”, a súa nova estrea. A señora Weisz, boa actriz, boa beleza de beizos carnosos e pel de alabastro, acompaña ao director na visita ao programa de Pablo Motos.

Como devoto da súa estampa penso vivir en tensión a súa participación nos experimentos de Flipy, non sexa que unha faísca salte e poida estragar no máis mínimo esa faciana de Venus. Dunha desgraza así podería sacar unha historia Amenábar, se non fose que xa rodou “Abre los ojos”. Fantástico director de cine fantástico e musa do momento pintan o caneco esta noite en “El Hormiguero” a partir das nove e media.