“Epílogo: Jorge Semprún” (Canal +, 19:30 h.)

Programa: 
Televisión

“Epílogo” é un espazo único concibido hai moitos anos xa por unha televisión tan pouco urxida polas audiencias millonarias como Canal +, tanto tempo despois aínda a canle sibarita para os que a poidan pagar. O concepto é macabro: gravar entrevistas en profundidade cun persoeiro, baixo a única condición de que non se emitirá até despois da morte do protagonista. Afortunadamente, até a data non se teñen emitido moitas, pero cada vez que sucede resulta un acontecemento digno de mención. Verémolo este serán, cando asome na televisión, cun alento que xa non tiña nas últimas datas, o finado Jorge Semprún, memoria en carne e oso do século XX e das súas atrocidades, e se cadra un dos autores cunha bibliografía cos títulos máis bonitos que se poidan pensar, como “A escritura ou a vida”, entre outros méritos. O cofre das palabras que lle roubou á morte e deixou con ánimo de posteridade ábrese ás sete e media en Canal +.