“Me gustan mayores... muy mayores” (Cuatro, 00.45 h.)

Programa: 
Televisión

Os que como min dende pequeno, coa nosa formalidade e maneiras de xentilhome sempre fomos quen de atraer a atención de mulleres maiores, no meu caso xa dende cando era un raparigo a quen lle cambiou a voz prematuramente e parecía un Bertín Osborne de bacharelato, o fenómeno non nos estremece, senón que nos parece o máis natural. A el lle dedican a reportaxe “Me gustan mayores... muy mayores”, que se emite en Cuatro esta noite.

Eu preferiría un título como o da novela de Vizinczey “En brazos da muller madura”, pero dunha maneira máis prosaica o documento producido pola BBC reflicte a vida cotiá de homes que viven relacións con mulleres moito maiores que eles, parellas de mozos de vinte con donas que xa non cumprirán os 60. Explícase que un cuarto das inglesas casadas viven namoradas de homes máis novos, pero desta volta a cámara fita para eles, que confesan se procuran relacións con mulleres maiores como unha escolla temporal ou con obxectivo matrimonial. A diferenza de idade como atranco ou como afrodisíaco analízase en “Me gustan mayores... muy mayores”, que principia ás 00.45 horas.