“O Mosteiro dos homes silenciosos que andan nas puntas dos pés”

Programa: 
Patio de butacas

O entretemento está servido. Dende o seu comezo, a obra trata de buscar un punto que a distinga do teatro convencional, utilizando a platea como escenario mesmo, e facendo continuos guiños á actualidade e ao público presente cos que buscan a súa complicidade.

Deste xeito, os mestres shaolíns que protagonizan a obra, Marcos e “Ken-Li”, rememoran a súa chegada ao templo e o seu proceso de aprendizaxe, deixan ver as súas debilidades e dúbidas, e incluso ofrecen ao público presente unha demostración de algunha das técnicas aprendidas ao longo do seu camiño.

Cabe destacar o mérito dos dous únicos actores, Pedro Picos e Xosé Bonome, para levar todo o peso da hora e media que dura o espectáculo, no que a sinxeleza da escenografía e a posta en escena, sumada á ausencia de efectos sonoros e visuais, os convirte a eles, coa súa xestualidade, movementos e diálogos, nos artífices dos distintos cambios de espazo e tempo que teñen lugar sobre o escenario.

Non obstante, cecais provocado pola dificultade que representa a presenza de dous únicos actores sobre o escenario, o ritmo do espectáculo semella ás veces demasiado lento, caendo en momentos de excesiva calma que teñen que ser remontados xeralmente co “gag” ou coas pegadizas cancións que os dous mestres interpretan a dúo durante toda a obra.

Deixando isto a un lado, con “Kungfundidos” atopámonos ante unha producción que sen contar cun enorme despliegue de medios, consegue a través do traballo e da interpretación dos seus actores ofrecernos un espectáculo distinto, entretido, e capaz de manter a atención do público durante unha hora e media ante a historia do “mosteiro dos homes silenciosos que andan nas puntas dos pés”.