O VI Iberojazz lembrará a Irving Berlin

Programa: 
Músicas e Letras

A organización do Iberojazz toma como fío condutor a composición de Berlin e aposta nesta edición por unha programación relacionada directamente coa creación de novos proxectos musicais: no plano da composición, dos arranxos, da interpretación de temas inéditos, creados para ser estreados no marco do festival. Nestes proxectos participarán artistas noveis xunto a artistas de recoñecido prestixio nacional e internacional e a colaborarán diferentes institucións públicas e privadas de ámbito autonómico e internacional que apostan pola creación e polo apoio aos novos talentos do jazz e da música creativa.

O Iberojazz 2011 comeza mañá xoves ás nove da noite no Fórum Metropolitano coa actuación de dous artistas da escena ibérica cunha traxectoria de recoñecido prestixio. O dúo fórmano: o armonicista madrileño Antonio Serrano, que vén de formar parte da banda de Paco de Lucía na xira e na gravación do último disco do xenial guitarrista; e o pianista e vocalista portugués André Sarbib que recentemente sacou ó mercado o disco This is it de grande éxito internacional e exquisitez musical no que colabora o propio Serrano. Eles ofrecerán un espectáculo creado para o Iberojazz con novas composicións que se estrearán nesta sexta edición, na que tamén interpretarán temas do citado disco de Sarbib.

Tamén mañá xoves, pero ás dez e media da noite no Filloa Jazz, actuarán dúas formacións. En primeiro lugar, presentarase o novo proxecto discográfico Perkutone: unha proposta interesante liderada polo percusionista e batería José Antonio Rodríguez Outeda, que completan o batería Noli Torres e o tablista Vikas Triparti. Este proxecto fusiona a través da percusión de parche, os estándares do jazz cos sons latinos e hindús. En segundo lugar, tocará o trío do saxofonista José Manuel Rodríguez que completan o contrabaixista Gustavo Hernán e o propio Noli Torres na batería. Ao final, terá lugar unha jam session a cargo dos dous grupos fusionados nos que se renderá homenaxe musical a Irving Berlin.

Pasadomañá venres ás nove da noite, o Fórum Metropolitano acollerá o dúo de guitarra formado por dous especialistas na guitarra jazz e clásica española e no desenvolvemento actual da improvisación ecléctica no Estado para este instrumento. O dúo que compoñen Chema Sáiz e Israel Sandoval porá a súa creatividade dentro do marco da improvisación e da interpretación de música propia e estándares de diferentes procedencias culturais, con referencia especial á música norteamericana e española.

Xa ás dez e media no Club Filloa Jazz presentarase o jazz das novas xeracións, coa actuación dun trío de mozos galegos liderado polo pianista Gabriel Peso, acompañado polo contrabaixista Gustavo Hernán e polo batería Borja García. Presentarán material de composición propia e temas do repertorio de jazz, desde unha perspectiva histórica, evolutiva e sen esquecer a figura de Irving Berlin.

A vindeira semana, o martes 25 desde as dez da mañá e ata as dúas da tarde, Antonio Solimene, director de orquestra, pianista, compositor, arranxista e profesor da Saint Louis College of Music de Roma, impartirá unha clase maxistral cun programa sobre Composición motívica no Auditorio Andrés Gaos do CSM Coruña. No Fórum Metropolitano, á mesma hora, o saxofonista, compositor e arranxista italiano Rosario Giuliani, impartirá outra clase maxistral cun programa sobre Saxo e Improvisación. Entregaranse diplomas acreditados polo CSM da Coruña e asinados polos profesores italianos.

Para pechar esta edición presentarase o proxecto orixinal Galitalia Jazz Meeting no Teatro Rosalía de Castro. Esta iniciativa une a riqueza e madurez do jazz italiano coa frescura do jazz das novas xeracións galegas. É un proxecto pioneiro que a organización do Iberojazz vén de encargarlle ao Departamento de Jazz do CSM da Coruña e á Saint Louis College of Music de Roma: un encontro musical de creación propia que servirá para celebrar a primeira licenciatura de Jazz de Galicia. Actuará a Big Band do CSM da Coruña con Rosario Giuliani como artista convidado. Kin García e Antonio Solimene dirixirán a banda. O audio e mais o vídeo deste concerto vanse gravar en directo para logo editar un DVD.