Rumbo a Zaragoza

Programa: 
A Bancada

O primeiro equipo viaxa completo e en perfectas condicións coa xunior Paula García, á que o club premia co desprazamento, polo traballo que fai todos os días nos adestramentos ás ordes de Lino López. O equipo debuta mañá ás 18.30 horas, no enfrontamento co IDK Gipuzkoa, un rival ben coñecido, xa que a tempada anterior xa mediron forzas nos play-off polo título. O técnico Lino López dirixirá o último adestramento hoxe ás 21.00horas no mesmo escenario do partido ao que van  con toda a ilusión do mundo e coa intención de seguir sendo o mesmo equipo da liga, "nunha competición moi bonita e especial polo ambiente que se vive", en palabras do técnico.

Minicopa

Paralelamente á Copa da Raíña celébrase unha Minicopa nas instalacións de Stadium Casabranca, na que compiten  13 dos 14 equipos da liga Feminina. O Star center Uni Ferrol desprazou ao seu equipo infantil. Tocoulle un grupo co Gernika e o Citilyft Uni Xirona, disputando o primeiro encontro mañá, ás 10.30 horas, ante o conxunto vasco, e ás 13.30 horas, ante o catalán. Dependendo dos resultados que obteña, xogará os cruces, o sábado pola tarde.