In The Corner 12 de novembro de 2021

Programa: 
A Bancada

As eliminacións na Copa do Deportivo e o Friol, fronte ao Granada e o Ave Fénix, nomeadamente, foron o asunto central da primeira parte do In The Corner desta semana, incorporando a rolda de prensa con Miguel Llorente e a conversa mantida con Roger Lamesa, no primeiro dos casos, e a valoración da eliminatoria de Silvia Martínez, capitá do cadro montañés, no segundo. Charín Echeverría, a exterior dereita do Victoria da Coruña, foi entrevistada para analizar o papel do seu equipo no que vai de Liga, e a propia competición, que na próxima fin de semana presenta, precisamente, un atractivo Viajes Interrías – Victoria C.F. Nas curiosidades da semana falamos dos goles de comezo e final de partido que lle levan marcados o Athletic e o Athletic B ao Deportivo, nos últimos anos; da segunda vez que o Deportivo B fai dous goles en propia porta no mesmo partido; do partido 300 do Villestro; da segunda derrota máis dura na historia do Friol na casa; do ritmo goleador de Eva (Umia), que marca un gol cada 46 minutos; e do liderado de Ali (Friol) na táboa de goeladoras da Copa. Bárbara Grandal púxonos ao día do fútbol autonómico, que tivo como novidade a retirada do Orzán B da Segunda División. No remate, Montse Mella contounos o resultado da súa chamada solidaria da pasada semana e do que pode ser o comezo dun movemento que modifique a normativa sobre sinaturas de licenzas por máis dun ano no fútbol afeccionado e de base.