In The Corner 9 abril 2021

Programa: 
A Bancada

Neste programa tratamos con profundidade o grupo I da Primera Nacional, tanto no grupo dos que loitarán por estar nas eliminatorias para subir a Segunda División, que comezan a loitar por ese obxectivo nesta mesma fin de semana, como no dos que xa levan dúas xornadas pelexando pola permanencia. Nesa sección dedicada ao fútbol estatal estivo Laurita, a multifuncional xoa¡gadora do Sárdoma, que falou do cadro das Relfas: “Somos un equipo que queremos máis e non nos conformamos nunca. O Sárdoma é bastante (na miña vida). Levo desde os 12-13 anos e é algo que se sente e se desfruta”. En canto ao seu técnico, David Ferreiro, sumouse ás que o consideran un gran profesional. Nese sentido parécelle “un adestrador moi completo, que o vive, que se entrega a diario, igual que Iago. Para min son un dúo espectacular, sabe sacar cousas moi boas de todas as xogadoras, dá unha confianza total.” Laurita comentou que a temporada 2018/19 foi a mellor “porque xoguei máis e esta tamén porque aprendín moitas cousas.” No xogo da amiga invisible respondeu ás preguntas da súa nai e presidenta, Bego Aldao, do seu técnico, David Ferreiro e da súa compañeira de equipo, Paula. “Pausa e tranquilidade” son as cousas que máis aprendeu neste ano.

No programa estivo Ana Lucas, responsable do programa de fútbol feminino que se emite cada xoves desde a emisora de radio da Federación Cántabra de Fútbol. A xornalista falounos das características dos catro equipos cántabros, cos problemas que teñen para fichar e completar planteis amplos. Salientou ao Racing B, cunha media de 15 anos e medio de idade, probablemente a máis baixa de toda a categoría, e base da selección cántabra sub 12 que chegou a cuartos de final na pasada edición do Campionato de España e do alevín do Racing que quedou campión de Cantabria nunha liga contra rapaces. Do equipo salientou a Laura Viñas, convocada varias veces por Pedro López para a selección española. En canto ao Monte, “está vivindo un tránsito xeracional, o que fai que moitas das xogadoras están estreándose na categoría, cun 60 po cento do equipo que procede do B da pasada temporada”. “O Oceja é practicamente novo, con xogadoras que saíron doutros equipos. Merecían estar máis arriba do que están, pero entraron nunha dinámica negativa da que non conseguiron saír, porque lles custa moitísimo meter gol.”

As curiosidades da semana estiveron protagonizadas polas sardomistas Paula e Yaza, os equipos cántabros que marcan goles en propia meta a prol do equipo das Relfas, a primeira saída oficial do Mos fóra de Galiza, Paula e Andrea Botana, do Victoria B de Santiago e Alitas, do Aguiño.

A última convidada foi Carolina González Portela, que nos falou da súa traxectoria: “Penso que empecei moi tarde a xogar a futbol 11. O cambio ao Pontevedra foi duro ao principio, aínda que me adaptei bastante ben.” Contounos sobre a súa estrea na Primeira División: “Ir ao Oiartzun foi moi difícil. Estaba no equipo da miña cidade, pasou o tren que levaba moito tempo esperando e era un soño chegar á máxima categoría. A miña familia dixo que ou collía eu o tren ou facíanmo coller eles. Non me arrepinto para nada. Foi unha das mellores decisións da miña vida. Esticven un ano e  medio en Oiartzun e namoreime dalí. Non podo dicir nada malo. Agradezo a oportunidade que me deu Oiartzun como pobo e como equipo de fútbol. O meu debut contra o Barça non o vou esquecer na miña vida.” Carolina comparou a afección polo futfem entre Galiza e o País Vasco: “En Galiza a xente non valora tanto o fútbol feminino. Aquí o campo estaba a rebentar só nos partidos de ascenso, alí non, cada fin de semana a xente facía cola e non lle importaba o que custara a entrada. Estar no Karla Lekuona é como xogar nun campo grande. Alí transmítese moito fútbol.” Carolina falounos da súa experiencia na area e do seu premio de mellor xogadora do mundo de fútbol praia, recibido en Dubai no 2019, Finalmente falou do presente, co Femarguín, e a esperanza de salvarse, comezando co triunfo desta semana no derbi canario.