Rumboia 195 – Xoan Carlos Rilo – “O ronsel do meu sentir”(12.06)

Programa: 
Rumboia

Xoan Carlos Rilo naceu en Baracaldo (Bizcaia), e iniciouse nos estudos de gaita aos sete anos, no Centro Galego de Llodio (Álava) e na Casa de Galicia de Bilbao, onde o seu pai era mestre gaiteiro. Sendo aínda moi neno, ten acompañado a grupos como “Os Brisas da Coruña”, “Xiada”, e “Os Tempranos de Eirís” aprendendo gran parte dos seus repertorios.  Ao longo da súa ampla traxectoria ten participado en distintos certames e festivais e ten impartido numeroros cursos de gaita e percusión tradicional.

Ten participado como gaiteiro co grupo “Xacarandaina”, co grupo “Lembranzas e formou parte e dirixiu varios grupos e bandas de gaitas: “Treboada” de Curtis, “O Xico” de Oza dos Ríos e “Monte Medela” de Cesuras. Tamén formou parte do Ballet Galego Rei de Viana como gaiteiro e percusionista, e posteriormente do Grupo de Música Tradicional do IGAEM (hoxe AGADIC), actuando en distintos países de todo o mundo.

Na actualidade, ademáis de seguir traballando como Mestre Gaiteiro da AGADIC impartindo talleres de gaita e dando concertos didácticos nos CEIPs de A Coruña, é músico colaborador de varias agrupacións musicais: cuartetos, bandas de gaitas, coros galegos e bandas de música.

Nesta Rumboia presentamos o primeiro traballo discográfico que fai en solitario. Trátase dunha escolma de temas da súa autoría na que mistura  gaitas (en 11 afinacións diferentes) cos instrumentos de percusión máis relevantes da nosa música tradicional; todos eles tanxidos por el. Co título “o ronsel do meu sentir” tratou de amosar con claridade o seu peculiar e persoal estilo de concebir a gaita: dozura e sensibilidade, paixón e emotividade , sinxeleza e complexidade, tradición e por que nón, modernidade.