O Tribunal Constitucional desestima o recurso presentado polo BNG no caso do alcalde de Arzúa

O Tribunal Constitucional desestima o recurso presentado polo BNG no caso do alcalde de Arzúa

03 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A inelexibilidade do actual alcalde e candidato do BNG en Arzúa, Xaquín García Couso, mantense. O Tribunal Constitucional desestimou a admisión a trámite do recurso presentado pola fronte nacionalista contra a decisión da Xunta Electoral de Zona de Santiago e fíxoo porque na demanda "non se aprecia especial transcendencia constitucional".

Esta era a última instancia á que ía recorrer o Bloque para reverter a situación, polo que agora tan só lle resta que o fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido, presente recurso de súplica, unha circunstancia que, segundo o líder do BNG, Guillerme Vázquez, debera producirse "se é que resta algo de democracia". O voceiro nacionalista coida que o Tribunal Constitucional fixo "abandono de funcións" e non tivo "valentía" abonda para pronunciarse neste caso. Cómpre lembrar que García Couso foi declarado inelixible a instancias dunha demanda do PP na Xunta Electoral de Zona e en aplicación dun artigo da lei electoral ideado para controlar o acceso ás eleccións de candidatos vinculados á contorna terrorista. Ao rexedor arzuán atribúeselle o incumprimento dunha orde de derrubamento dun inmoble, polo que pesa sobre un el unha sentenza de "inhabilitación por desobediencia" que está recorrida. Curiosamente, a decisión da Xustiza refírese a unha irregularidade cometida cando quen gobernaba na vila coruñesa era o Partido Popular.

Institucional