Outono quente

A oposición acusou ao goberno local de improvisación e descontrol
06 de Setembro, 2019 - 09:48 h. | Publicada por Radio Fene

A Festa Mariñeira que se celebra mañá en Barallobre foi o centro das críticas da oposición ao goberno do PP. Ante a oposición de BNG, PSOE e EU a pagala con cartos procedentes do fondo de continxencia, os populares tirarán das partidas de protocolo da alcaldía, Cultura e Servizos.

ESCOITA O PODCAST:

A Festa Mariñeira de Fene vai adiante a pesar de que os grupos da oposición votaron en contra da modificación de crédito (por valor de 45.000 €) desde o fondo de continxencia do que dispón o concello, para empregalo na organización da festa que se celebra mañá no peirao de Barallobre. Segundo a concelleira de Facenda, Rocío Bértoa, cambiar unha partida do fondo de continxencia para outra finalidade é totalmente legal. Afirmou que a festa se fará igualmente con fondos procedentes de protocolo da alcaldía, Cultura e Servizos porque "está en xogo o esforzo de moita xente", afirmou. PSOE, BNG e EU reprochan ao PP que non tivera previsión da festa mariñeira cando esta é un evento establecido no mes de setembro. Acusaron ao grupo de goberno de derrochar os cartos (60.000€) que había para promoción económica e turismo, así como de descontrol e improvisación. Ese foi o punto máis polémico e cheo de reproches do pleno celebrado onte á tarde.

O resto dos asuntos prosperou por unanimidade. É o caso dos festivos locais para o 2020 que non variou do xa establecido no mércores de cinza (26 de febreiro) e o Divino Salvador, patrono de Fene (6 de agosto). Toda a corporación apoiou unha moción urxente do partido socialista, de apoio á campaña de Emerxencia Feminista convocada para o 20 de setembro por numerosas organizacións de mulleres, contra os asasinatos machistas. Entre as iniciativas está proxectar ese dia unha luz violeta na fachada da casa do concello.

Debateuse tamén unha moción do BNG que demanda unha solución urxente a un verquido no Camiño Real de Sillobre. O concelleiro responsable de obras e servizos, Andrés Serantes, explicou que o concello non pode amañar a tubería mentres non se poña contanción no couto, cuxos continuos desprendimentos provocan a rotura da tubería. Finalmente acordaron todos os grupos que se inste á Deputación provincial a solventar a súa parte e o concello adquire o compromiso de arranxar a súa.

O pleno acabou cos numerosos rogos e preguntas de cada grupo político da oposición. O mal estado de marquesinas, parques infantís, rebacheos… levaronse a palma das necesidades a cubrir. O edil de promoción económica, Juan José Franco, informou que o próximo martes manterá unha xuntanza cos hosteleiros para decidir as datas da  celebración do Concurso de Tapas.

Institucional

Publica o teu comentario agora