Limpar as praias

A nivel mundial, cada ano 10 millóns de toneladas de lixo acaban no mar.
07 de Outubro, 2019 - 01:17 h. | Publicada por Radio Fene

A entidade ecoloxista ADEGA volve organizar unha nova xeira de limpeza simultánea de praias na costa galega para os vindeiros días 18 e 19 de outubro. Grupos de voluntarios e voluntarias acuden á súa praia máis próxima para retirar manualmente os residuos. O dia 18 empezan os centros de ensino.

O obxectivo desta actividade, que xa acada a súa oitava edición, é concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos. Ademais de reflectir a falta dunha xestión adecuada dos residuos e dun modelo de consumo máis sostible, a problemática do lixo mariño pon en grave perigo a supervivencia dos seres vivos que habitan os océanos. A nivel mundial, cada ano 10 millóns de toneladas de lixo acaban no mar.

A limpeza simultánea de praias que organiza ADEGA está dirixida a todo tipo de públicos, centros de ensino, asociacións e entidades que queiran formar un grupo de voluntarios e voluntarias que acudan á súa praia máis próxima para retirar manualmente os residuos que nela fiquen depositados. No entanto, o venres 18 de outubro, a actividade será desenvolta sobre todo polos centros de ensino, e o sábado 19 polo resto de entidades e persoas participantes. Para o correcto desenvolvemento da limpeza, ADEGA fará entrega a cada persoa participante do Protocolo de limpeza de praias, no que se explica de xeito sinxelo cales son os pasos a seguir antes, durante e despois da execución dunha limpeza ecolóxica na que non se xeren impactos innecesarios. Ademais da entrega dos protocolos, proporcionarase información sobre outros aspectos esenciais para os coidados dos ecosistemas litorais. (Na imaxe, a Ribeira de Maniños- Fene)

O pasado ano 2018 participaron na Limpeza simultánea de praias organizada por ADEGA unhas 500 persoas, que conseguiron reunir centros de ensino, entidades ecoloxistas, asociacións culturais, escolas de surf e de mergullo, que contaron ademais coa colaboración de varios concellos. Grazas a esta actuación simultáneas retiráronse das praias galegas máis de 4000 quilos de residuos, sendo o plástico o tipo de refugallo máis abundante.

Como participar

Polo de agora, xa se sumaron á VIII Limpeza simultánea de praias de ADEGA 7 centros de ensino, 8 entidades ecoloxistas e deportivas e 8 concellos da costa galega. Se queres participar na VIII Limpeza simultánea de praias de ADEGA, como particular, ou formando un grupo de voluntariado a través do teu centro de ensino, concello ou entidade, podes poñerte en contacto con ADEGA en: adega@adega.gal e o teléfono 981570099. Para máis información: 981570099, 699217310.

Sociedade

Publica o teu comentario agora