Un intercambio de miradas

Queda unha semana para ver a mostra de pintura de Ana Basoa en Fene
24 de Xaneiro, 2020 - 01:13 h. | Publicada por Radio Fene

Retratos e obxectos vense na exposición "Poñendo luz á noite" que a pintora Ana Basoa amosa na Casa da Cultura de Fene ata o 30 de xaneiro.

ESCOITA O PODCAST:

Queda unha semana para poder ver a exposición que a pintora fenesa Ana Basoa Rioboo amosa na Casa da Cultura de Fene. Unha selección de retratos e bodegóns realizados en carboncillo, "Poñendo luz á noite" que consta dunhas 30 obras.

Ana Basoa visitounos esta mañá, a unha semana vista do peche da exposición, para falarmos dos seus retratos. “para min, a maior satisfacción que teño cando presento un novo cadro é que me digan que a persoa retratada fala coa mirada”, algo do que damos fé. Basoa pinta polas noites pero iso non lle resta o aporte de luz que quere darlle aos seus personaxes, “a luz que necesitan os que non teñen nada”, declara a pintora de San Valentín.

A mostra pode visitarse até o xoves 30 de xaneiro. Para o día 29, ás 20 horas, anúnciase o acto de clausura da mostra coa actuación musical (voz e guitarra) de Humberto Basoa, irmán da artista fenesa.

Cultura

Publica o teu comentario agora