Sempre cos estaleiros

Sempre cos estaleiros
05 de Marzo, 2020 - 10:22 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene sumouse unha vez máis ás demandas de carga de traballo para Navantia. Os comités de empresa das factorías de Fene e Ferrol acudiron á sesión plenaria e expuxeron a necesidade urxente de ocupación para evitar os despidos nas compañías auxiliares. Coa entrega dos dous buques AOR a Australia, as factorías quedarán sen traballo e os primeiros que o sufriran son os empregados das subcontratas, manifestaron os representantes laborais. A presidenta do comité da factoría de Fene Adela López indicou que a carga de traballo de eólica mariña prevista para o 2021 non vai ser suficiente. Celebrouse na tarde de onte a primeira sesión plenaria de carácter ordinario baixo a presidencia do alcalde Juventino Trigo (BNG)

ESCOITA O PODCAST:
Pleno do Concello de Fene

O primeiro rexedor amosou a disposición do Concello a respaldar as mobilizacións dos traballadores do sector naval "alá onde se convoquen". A sindicalista reclamou un novo esforzo municipal para recoller sinaturas da cidadanía en asociacións e establecementos comerciais apoiando aos estaleiros.
Modificación do Regulamento de Organización Municipal
Co respaldo de todos os concelleiros, modificouse este documento para incluír a gravación en vídeo e audio das sesións plenarias e doutras reunións da Corporación, posible a raíz da instalación no salón de plenos dun sistema de gravación de imaxe e son.  Dacordo coas bases de selección elaboradas no seu día, o pleno decidiu elixir para xuíza de paz a María del Carmen Romero Vilela. Exercerá por un período de catro anos. Presentáronse cinco candidaturas. Abstívose o Partido Popular.  Por unanimidade aprobouse unha rectificación da solicitude presentada ao Plan de Obras e Servizos de 2020 da Deputación. Tamén se lle deu respaldo unánime ao Plan de prevención de incendios forestais de Fene, redactado pola empresa pública de Servizos Agrarios Galegos. 

Dia da Muller
O Concello aprobou unha declaración institucional arredor do oito de marzo Dia Internacional da Muller. “A desigualdade que denuncia o feminismo é estrutural e global. (…) Os continuos asasinatos de mulleres deben traducirse nunha oposición frontal. (…) As mulleres están desprotexidas fronte á violencia machista” apunta o manifesto que propón realizar conxuntamente coa Universidade un estudo do reparto do tempo empregado no fogar por homes e mulleres.

 
Rogos e preguntas
A voceira do Partido Popular Rocío Bértoa formulou unha batería de preguntas referidas á organización dun outlet para este sábado sen dar conta previamente na comisión informativa celebrada o pasado día 24. “Por que hai determinados establecementos que quedan fora desta iniciativa? Cal vai ser a aportación do Concello? En que vai consistir o outlet?” interrogou Bértoa. A edil popular tamén se interesou polos criterios empregados para o pago de facturas, pola presentación de facturas dun taller mecánico por reparación de vehículos datadas en 2015 e 2016, e polo orzamento solicitado para o Festival das Ondas na ribeira de Barallobre. O concello de Fene realizou o rebacheo de dous baches nestes días atrás. Rocío Bértoa preguntou ironicamente pola existencia previa dun informe técnico e pola calidade do aglomerado utilizado. A representante do PP volveu preguntar pola ausencia da concelleira do PSOE Marta Pereiro. “Se se encontra mal esperamos unha rápida recuperación” indicou. 
O alcalde Juventino Trigo cifrou en máis dun millón de euros as facturas pendentes de pago desde o goberno do Partido Popular antes do pasado 6 de febreiro cando saíu adiante a moción de censura ao Partido Popular.
A edil de Obras e Servizos Mar Piñeiro indicou que a vontade deste goberno é pagar todas as obras realizadas. O rebacheo realizado non cumpre coa normativa técnica pero quedou encargado polo anterior responsable, respondeu Piñeiro que tamén pediu respecto para o estado de saúde da concelleira Marta Pereiro. “Onte presentou o informe médico correspondente pero non o meteu polo rexistro pola lei de protección de datos” indicou, pedindo á edil do PP que cesara coas súas bromas e ironías coa saúde da representante. A concelleira Ana Basoa indicou que o outlet se organiza en colaboración coa asociación de comerciantes O Cruceiro e por ese motivo unicamente poden participar os comerciantes integrantes da entidade. 

Preguntas da cidadanía
Ao remate do pleno, un veciño de San Valentín solicitou que lle poña o nome da actual ministra de Traballo Iolanda Diaz a unha rúa, unha praza ou algún emprazamento municipal. “Pido recoñecemento para unha persoa nacida en Fene”.apuntou  Outro veciño insistiu na necesidade de buscar unha ubicación alternativa para as festas de Fene tras a colocación da tirolina na Fonte do Campo.

Institucional

Publica o teu comentario agora