Ons chega aos Duplex cinema

O propio Zarauza acudirá o domingo a presentala
14 de Decembro, 2020 - 11:36 h. | Publicada por Radio Fene

Os Duplex Cinema presentan o domingo día 20 ás 17:45 a película Ons, o último filme de Alfonso Zarauza, que conta no seu reparto cuns espectaculares Antonio Durán 'Morris' e Melania Cruz. As entradas xa están á venda.

Os Duplex Cinema presentan o domingo día 20 ás 17:45 a película Ons, o último filme de Alfonso Zarauza, que conta no seu reparto cuns espectaculares Antonio Durán 'Morris' e Melania Cruz. Presentada no pasado festival de Sevilla, trátase da obra máis persoal e madura do realizador compostelán. O director estará acompañado en DUPLEX Cinema do fenés Alberte Branco, o seu director de fotografía, que realiza aquí un dos seus traballos máis depurados. Ambos os dous introducirán a fita e terán un debate co público. As entradas xa están á venda.

ONS

Despois dunha profunda depresión pola morte da súa amante nun accidente de coche, o doutor Vicente chega xunto á súa muller Mariña a unha remota illa atlántica coa intención de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio. A vida na solitaria illa séntalle ben a Vicente, que pide á súa muller prolongar a estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor ata que tras un naufraxo no medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller estranxeira aparece na illa e irrumpe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volverá a ser o que era.

O director

Alfonso Zarauza atesoura unha das traxectorias máis heterodoxas do panorama cinematográfico galego actual. Xa desde os seus inicios contou con grandes actores nos seus repartos, como é o caso de Luís Tosar, protagonista da súa ópera prima A noite que deixou de chover(2008). El volvería estar á fronte do elenco de Os fenómenos(2014), xunto con Lola Dueñas e na que 'Morris' xa tiña un papel esencial. Se tomamos estes dous filmes como exemplo do seu estilo, veremos que non poden ser máis distintos. Mentres que un se achega a terreos case oníricos cun filósofo que pode verse como un símil do Max Estrella de Valle-Inclán, o outro móstrase como un elocuente exercicio de cinema social, escrito con urxencia no contexto de crise económica de hai unha década. Entre mentres, Zarauza fixo Encallados(2013), un filme híper independente, mais tamén no que maior liberdade creativa tivera até o de agora. Un proxecto que roza o autobiográfico e do que mesmo se chegou a facer unha banda deseñada. Con experiencia tamén na televisión, en series como O Nordés(2009) ou Augasquentes (2016), Ons(2020) é o seu filme máis ambicioso, no que se atreve a experimentar coa linguaxe mediante elipses e o non dito, cunha fotografía por momentos expresionista que remite un pouco ás orixes desa fita inicial, mais que é o resultado dun tándem Zarauza-Bertitxi moi depurado.

Alberte Blanco

O director de fotografía leva formando con Zarauza dúo artístico desde hai anos e o crecemento de ambos os dous como cineastas foi parello. Se ben son dunha xeración inmediatamente anterior á do Novo Cinema Galego, este grupo de cineastas téñenos en consideración e as relacións son evidentes. Bertitxi ten traballado con outros realizadores como Ángel Santos en numerosas ocasións e a coguionista de Os fenómenos e Ons, Jaione Camborda, pertence tamén ao NCG. Con Ons, tanto o realizador como o director de fotografía entregan o seu traballo máis maduro. Os actores están excelentes, cuns Antonio Durán 'Morris' e Melania Cruz que brillan especialmente, nuns papeis que son do mellor das súas carreiras.

(Na imaxe, fotograma da película)

Cultura

Publica o teu comentario agora