O espectáculo de danza Solodos chega ao Jofre

O espectáculo de danza Solodos chega ao Jofre

11 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, presentou esta mañá xunto aos directores artísticos e coreógrafos Maruxa Salas e Erik Jiménez o espectáculo de danza contemporánea Sólodos, da compañía Neodans, cuxa estrea absoluta terá lugar este xoves no Teatro Jofre, a partir das 20.30 horas, no marco do programa “Dentro da Caixa”, unha das propostas estables da programación cultural do Concello de Ferrol.

Trátase dun proxecto que se ultimou no mes de abril no Jofre, onde os integrantes da compañía realizaron durante unha semana a residencia técnica ao abeiro da proposta cultural “Hoxe non hai función...”, tendo a oportunidade de amosar ao público como se concebiu o proxecto e como se ía desenvolvendo. Responde pois ao apoio aos procesos de produción, primar a profesionalidade dos artistas e a calidade dos espectáculos.

"Sólodos" é un espectáculo integrado por catro pezas de danza independentes entre si, que se presentan como catro relatos bailados cada un deles por unicamente dúas persoas. O número de bailaríns que os interpretan son catro: Carmela García, Manuel Garzón e os propios Erik Jiménez e Maruxa Salas. Os relatos son Caracola (Premio do Público no I Certame de Interpretación e Creación de Andalucía 2007), esta peza fala do valor do tempo e conta con música do compositor valenciano Julián Ávila), Mareia, que fai alusión a camiños que discurren paralelos e se cruzan e das decisións que xorden e aquelas que imos tomando.  Vigilia en ausencia, con música de Mercedes Peón e, ao igual que Nozomi, composta expresamente para este espectáculo, definido polos seus creadores como unha retrospectiva coreográfica na que se amosa a evolución artística que na creación experimentou a compañía desde o ano 2004.

Sociedade