40 amazonas e 400 xinetes este sábado na II Rota Cabalar de Arzúa

40 amazonas e 400 xinetes este sábado na II Rota Cabalar de Arzúa

05 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O colectivo amigos do cabalo O Estribo reunirá este sábado 7 de marzo en Arzúa a máis de 400 xinetes procedentes de distintos puntos da Galicia para celebrar a II Rota Cabalar. Segundo o presidente do colectivo Juan Carlos Cea Ramos, o número de inscripcións aumentou considerablemente dende o pasado ano. Entre os asistentes destaca a presencia dun grupo de Brión que reune a máis de 32 mulleres amazonas.

O percorrido iniciarase ás tres da tarde no recinto feiral Terra do Queixo para andar distintos camiños rústicos e tamén se fará que coincida polo casco urbano da vila e por algún treito do Camiño de Santiago. Prevese que a volta sexa entre as oito e nove da noite tamén no mesmo lugar de inicio.

 

Para rematar con esta xornada cabalar, o colectivo O Estribo organiza unha cea de confraternidade na que se prevé a asistencia de arredor de seiscentas persoas nun recoñecido restaurante da vila. Alí levarase a cabo un acto en homenaxe aos xinetes con máis sona de Arzúa e comarca, aos colaboradores desta actividade e tamén se sortearán diversos artigos relacionados co mundo equino.

 

Arzúa é un municipio que mantivo dende sempre unha estreita relación co mundo do cabalo e da equitación. Proba delo é a existencia de diferentes colectivos como O Estrivo que leva xa catro anos de andaina iniciou este ano a expedición de carnets de socio. Tamén hai que destacar as importantes figuras que emerxeron dende aquí, como por exemplo Javier Gómez Alamancos, galardoado con importantes premios entre eles a medalla de ouro no primeiro Campeonato Galego de Andadura, Xavi Gómez tres veces medalla de ouro en andadura, o propio presidente do colectivo Estrivo Carlos Cea, medalla de ouro no Campeonato Galego de trote ou Pablo Gómez medalla de bronce.

Sociedade