O CDG estrea ‘Salomé’ en Compostela

O CDG estrea ‘Salomé’ en Compostela

25 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle mañá venres 26 de novembro, ás 21.00 horas, a estrea da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Salomé, de Óscar Wilde, baixo a dirección de Carlos Santiago. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistirá a esta primeira función do espectáculo que abre a xestión de Blanca Cendán á fronte da compañ&iacu

María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos compoñen o elenco interpretativo de Salomé, seleccionado mediante unha audición pública. Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago contou tamén coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na codirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe. 
 
Entrada especial dos actores

Como inicio da posta en escena e a xeito de acción especial que se desenvolverá unicamente no día da estrea, os actores protagonistas do espectáculo farán a súa entrada ao Salón Teatro ás 20:40 horas, pola porta principal do número 34 da Rúa Nova, á que accederán no “coche oficial” do candidato Herodes Antipas, un dos personaxes da obra. Ao mesmo tempo, o séquito composto polo resto dos actores da montaxe recibiranos desde o balcón exterior do edificio.
 
Ademais do conselleiro de Cultura, entre as persoas que confirmaron a súa presenza mañá no Salón Teatro atópanse Francisco López Rodríguez, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura; Beatriz Cuíña Barja, secretaria xeral de Presidencia; Anxo Quintanilla, director xerente do Consorcio Audiovisual Galego; Mercedes Suárez, directora do Centro Coreográfico Galego; Antonio Durán “Morris”, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia ou Xosé Manuel Olveira, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Asistirán tamén profesionais da música e das artes escénicas de Galicia, tales como Cristina Pato, Fran Pérez “Narf”, Emilio Cao, Jorge Coira, Camila Bossa, Pilar Pereira, Rebeca Montero, Concha Abad, Marcos Orsi, Vicente de Souza, Roberto Pascual, Manuel Cortés ou Aitor Garús, así como Mario Moutinho, director do FITEI ou o director inglés John Eastman.

Funcións

Salomé representarase tamén o sábado 27 (20:30 h) e o domingo 28 (18:00 h). O espectáculo permanecerá no Salón Teatro o ata o domingo 19 de decembro con cinco funcións semanais. Os mércores e os xoves ás 11.00 horas desenvolveranse as funcións dirixidas a escolares, mentres que as representacións para público xeral terán lugar os venres e sábados ás 20.30 h e os domingos, día do espectador, ás 18.00 h, así como o mércores 8 ás 20.30.

A continuación, o CDG iniciará unha extensa xira que levará este espectáculo a outros dez concellos galegos ata completar unha corentena de funcións no mes de marzo: Centro Cultural Caixanova de Vigo (8 de xaneiro), Teatro Lauro Olmo do Barco (14 de xaneiro), Auditorio Municipal de Vilagarcía (4 de febreiro), Auditorio Gustavo Freire de Lugo (10 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (18 de febreiro), Teatro Principal de Pontevedra (22 e 23 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), , Teatro Rosalía da Coruña (4 e 5 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 33 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo).

Ademais, a obra viaxará a Portugal, en concreto ao Centro Cultural Vila Flor de Gimarães (22 de xaneiro), Teatro Acert de Tondela (26 de xaneiro) e Teatro-Circo de Braga (28 e 29 de xaneiro). Finalmente, o período de exhibición de Salomé rematará no Salón Teatro, onde do 23 ao 26 de marzo se desenvolverán outras catro novas funcións.
 
A venda anticipada de entradas para as funcións de en Santiago está dispoñible a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse os venres e sábados de 18.30 a 20.30 horas e os domingos de 16.00 a 18.00 horas. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións de venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Cultura