Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo

Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo

10 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, presentou esta mañá a publicación “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. Imaxe de cen anos”, editada polo Concello co gallo da conmemoración, en 2010, do centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990). O libro entregarase a todas as persoas que o vindeiro 18 de xaneiro se acheguen ata o Centro Cultural Carvalho Calero, ubicado na Praza do Inferniño, onde se i

Xa polo miúdo, a edil subliñou que o volume estrutúrase en diferentes apartados segundo as etapas da súa vida, sendo o primeiro deles o correspondente ao seu nacemento, infancia e mocidade (do 1910 ao 1926). Uns anos que transcurriu no barrio de Ferrol Vello e que se ilustran con fotografías da Praza Vella, da rúa e igrexa de San Francisco ou da rúa Real á altura da Praza de Amboaxe, por onde Carvalho Calero pasaba para acudir ao Colexio do Sagrado Corazón. A súa etapa de universitario en Santiago de Compostela (1926-1932) ou a do Ferrol e a República (1932-1936) reflíctense tamén na publicación “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. Imaxe de cen anos”.

 

Tamén os anos da Guerra Civil e o seu apoio ao bando republicano ou a condea de doce anos e un día de reclusión recóllense neste volume, que inclúe así mesmo capítulos como o relativo ao seu regreso a Ferrol (1941-1950), onde se adicou ao ensino privado aínda que dunha forma clandestina, toda vez que non podía estar colexiado como consecuencia da condea que lle fora imposta (exerceu en colexios particulares e privados). Os anos que pasou en Lugo, onde viviu e traballou entre 1950 e 1965 están tamén recollidos, con imaxes do Colexio Fingoi onde Carvalho Calero exerceu a docencia como profesor e director. Docencia que posteriormente, entre 1965 e 1980 desenvolveu na Universidade de Santiago de Compostela, ano este último no que se xubilou aínda que seguiu traballando na Universidade. O libro incorpora os capítulos “1980-1990. Esperar contra toda esperanza” e “1990. Benvido á inmortalidade”, así como adicatorias a Carvalho Calero de ilustres persoeiros como Luis Seoane, Ramón Piñeiro, Fermín Bouza Brey, Domingo García Sabell ou Eduardo Blanco Amor, entre outros. Finalmente, “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. Imaxe de cen anos” péchase cunha selección da súa obra póstuma, estudos e homenaxes que recibiu o filólogo ferrolán, como o nomeamento de Fillo Predilecto do Concello de Ferrol no ano 1990, entre outros.

Sociedade