O sector crítico do PSOE Vilalbés reclama unha renovación das estruturas do partido

O sector crítico do PSOE Vilalbés reclama unha renovación das estruturas do partido

25 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O sector crítico do PSdeG-PSOE de Vilalba, encabezado polos concelleiros Margarita de Vicente Mato e Martín Seco García, e os ex Secretarios Xerais Martín Seco Cendán e Manuel Díaz Martínez, reclama unha renovación das estruturas do partido en Lugo tras o “fracaso acadado nas eleccións do 1 de marzo”.

Esta sección do socialismo vilalbés tamén acusou á actual executiva local, dirixida polo seu Secretario Xeral, Eduardo Vidal Baamonde, de conducir ao partido “a un abismo electoral, como consecuencia dunha práctica política sen proxecto e que fuxe do consenso”. O sector crítico volveu pedir que a dirección dos “destinos do PSOE” na capital chairega recaia “en mans da portavoz do concello, Elba Veleiro”.

A derrota electoral nas últimas autonómicas deixou unha ferida aberta no socialismo vilalbés. Desde esta parte do partido reclamouse a apertura dun proceso de renovación para “analizar e emendar os erros” derivados dun “mal pacto de goberno” co BNG, e “caracterizado por unha forte competencia que desembocou nun ‘bigoberno’ que a cidadanía percibiu de xeito moi negativo”. Outra das peticións feitas por este grupo é a “configuración dun novo equipo que traballe preto da xente”. O Secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, tamén foi branco das críticas deste sector, ao que sinalaron como responsable dos “malos resultados acadados pola mala xestión organizativa do partido”.

O seguinte punto de discordancia foi o cambio que os dirixentes a nivel provincial "impuxeron nos concellos para acadar resultados electorais inmediatos”. Por elo reclaman o cambio de pezas no partido en Lugo, para dar paso “a novas ideas e proxectos, a unha nova imaxe, a novos dirixentes que exerzan as súas funcións desde unha política máis achegada á cidadanía”.

Xa a nivel local, acusaron á executiva encabezada por Eduardo Vidal de inmobilismo e falta de diálogo, negándose a optar por unha lista de consenso na próxima asemblea de elección de delegados. “Entristécenos ver como o sector encabezado por Eduardo Vidal se farta publicamente de exaltar a súa vontade de diálogo, pero á hora da verdade, cando se lle propón un acordo para acudir á próxima asemblea de elección de delegados para o Congreso Extraordinario do noso partido cunha lista de consenso, responde con vetos e imposicións que non amosan o máis mínimo desexo de acadar unha solución”, establecen desde este sector crítico.

Unha das súas peticións, que xa ven de longo, é a de “restaurar a iniciativa política da portavoz Elba Veleiro”. Desde esta facción do PSdeG vilalbés maniféstase o seu disgusto pola baixa de votos nas últimas xerais e autonómicas e prevén “un desastre na cita das próximas municipais”.

Sociedade